Rutas Industriais Vigo

Pouco queda da industria do século pasado no territorio MAIV. As grandes conserveiras, a panificadora, a metalúrxica, fábricas de carburos, ferrerías, agora están integradas na paisaxe urbana, ás veces recuperadas para goce da xente e, outras, agardando a súa oportunidade para non convertirse en ruínas.

En Vigo podes achegarte ao Museo do Mar que en tempos foi a fábrica de conservas “Alcabre-Molino de Viento”, logo empregouse como matadoiro municipal e agora acolle ao Museo do Mar de Galicia. Camiña cara ao centro ao carón do mar chegando á vila de Bouzas. Na rúa Tomás Alonso 235, atópase a fábrica abandoada da conserveira Alfageme que agora conta cun plan para recuperala como museo. O proxecto de construción realizouno o arquitecto vigués Manuel Gómez Román no 1928, aínda que foi alterado lixeramente debido ás necesidades da empresa. O máis destacable son as súas dúas fachadas de granito (unha cara a Tomás Alonso e outra cara ao mar daquela, agora á rúa Beiramar).

Os Alfageme manteñen a tradición dos industriais do salazón e constrúen un dos mellores exemplos de arquitectura industrial coa súa vivenda familiar preto da entrada principal no recinto da fábrica. Na mesma rúa, no nº68 “A Artística” tamén está á espera dun plan de recuperación ou demolición. A artística ten tamén unha longa historia que se remonta aos anos 30, cando a demanda de envases era moi importante para a conserva, e tamén para a industria farmacéutica, aínda que non sería ata os anos 50 cando comezou a súa expansión con Eugenio Fadrique e os talleres mecánicos Alonarti. Nestas mesmas instalacións fabricaríanse despois envases de tubos de aluminio para pomadas baixo o nome de Alonarti. Xa no centro de Vigo, A Panificadora, á agarda de que algún dos plans aprobados para a súa recuperación se leven a cabo. Camiñando pola avenida García Barbón podes achegarte á fachada da Metalúrgica, (antiga fábrica de lata creada polos grandes conserveiros para poder surtir ás súas empresas) e facer unha idea do que era e o que é.

https://es.wikiloc.com/wikiloc/user.do?id=13413646

Misión: atopar os castros no Museo do Mar.

Powered by Wikiloc
Scroll ao inicio