Fin de semana en Fornelos de Montes

Podes empezar a fin de semana paseando polo pobo e coñecendo a praza da Igrexa e os elementos que nela están: a igrexa de San Lourenzo, o concello e O Brigadista, a estatua doada pola escola de cantería da Deputación de Pontevedra, en homenaxe a todos os brigadistas da provincia pola súa defensa dos montes. Continúas ata o peto de ánimas de San Lourenzo. Podes seguir cara ao acceso ao camposanto subindo por unha grande escalinata que intenta emular o ascenso ao ceo. Polo camiño tes para ler os puntos informativos da ruta literaria Manuel Lueiro, xornalista e escritor nado en Fornelos de Montes. Despois deste percorrido, podes ir ao encoro de Eiras, ao Fornelos Wake Club para descansar ao carón da auga ou facer calquera dos deportes acuáticos que che propoñen. Wakeboard, inchables náuticos, pedaletas, canoas, paddle surf, son as actividades principais que realizan nas súas instalacións. Ademais, segundo a época do ano organizan eventos como rastrexos, competicións deportivas de natación, competicións deportivas de CrossFit ou ioga.

Podes quedar durmir mesmo no albergue do Fornelos Wake Club ou nalgunha das casas de turismo rural que existen na zona (A Casa da Loba, Casa de Magina, Casa D’Agosto, Casa da Ruliña).

E para finalizar a fin de semana programa unha ruta polo Monte da Cidade (moi preto do encoro de Eiras) ou pola Serra do Suído buscando o Foxo do Lobo, petroglifos ou chozos. Se vai moita calor podes aproveitar o día para visitar algunha das dúas praias fluviais que ten Fornelos: a de Portovilán ou a da Laxe, co valor engadido da súa ponte medieval, o muíño e o comezo dunha ruta entre árbores.

E as fervenzas? Se é época de chuvias, as fervenzas de Casariños e A Airoa son puntos de interese a ter en conta.

Lembra que a última fin de semana de setembro celebran na parroquia de Ventín a festa da zorza. E se pasas por aquí a finais do mes de xullo, poderás gozar da Festa da Chanfaina e carne do Suído e as actuacións musicais que a acompañan.

Misión: atopar o acueduto que lle dá entrada aos fosos dun castro no Monte da Cidade.

Powered by Wikiloc

Powered by Wikiloc
Scroll ao inicio