Queres coñecer a historia das conservas na zona de Rande? Podes achegarte ao museo Meirande que, ademais de ofrecer información sobre a batalla de Rande, noutro tempo foi unha importante fábrica de conservas que cesou a súa actividade no 1955. Aínda se conservan os lugares onde se facía a salazón, autoclaves e material gráfico co testemuño de persoas que traballaron na fábrica.

Xa que estás no museo non deixes de visitar a parte dedicada á batalla de Rande e á biodiversidade mariña na zona.

Xusto ao carón do Museo podes ver outra destas estruturas industriais agora en desuso: o cargadeiro Coto Wagner. Construído nos anos 60 son tres plataformas de formigón sobre o mar sobre as que se apoia unha estrutura metálica por onde unhas cintas transportaban ferro e wolframio desde a terra ás bodegas dos buques alemáns no período de entre guerras. Pódese ver dende o aparcadoiro do museo, non se pode pasar.

Misión: vive a experiencia de ser un buzo nos anos de Xulio Verne.

Mar de Ons organiza unha nova Experiencia Starlight que percorre Vigo-Cangas e, na noite do sábado 5 de agosto, desde Sanxenxo e Portonovo, para poder observar as constelacións de verán. Os días 11, 12, 13 e 14 coincidindo coa chuvia de estrelas “Perseidas”, coñecida como as Lágrimas de San Lourenzo, os barcos de Mar de Ons porán rumbo ás augas do Parque Nacional das Illas Atlánticas dende os portos de Cangas, Vigo, Sanxenxo e Portonovo para gozar deste fenómeno astronómico.

Silvia Torres, responsable comercial de Naviera Mar de Ons: “durante este mes de agosto organizaremos diferentes actividades nocturnas relacionadas coa astronomía. O bo clima que nos acompañará durante os próximos días será fundamental para poder gozar das estrelas e do ceo en toda a súa plenitude. O astroturismo está en auxe e dende a navieira dan resposta a este interese con actividades moi completas da man dun guía astrónomo. Trátase dun servizo moi exclusivo e, debido a que as prazas son limitadas, recoméndase reservar con antelación”.

Misión: atopar unha estrela fugaz e a Osa Maior.

O concello de Redondela identificou os bancos situados na Alameda Castelao e na Alameda Rosalía de Castro de Chapela. O fin é o de perpetuar o nome e a historia de persoas ilustres de Redondela ou daquelas que mantiveron relación co municipio.

Paseando polas alamedas de Chapela e Redondela podes ir coñecendo a historia destas personaxes históricas. Nomes como o de Alejandro Otero (1888-1953), médico, catedrático e rector da Universidade de Granada, diputado socialista e morto no exilio; Telmo Bernárdez (1885-1936), médico, líder agrarista e alcalde de Redondela, fusilado no 1936; José Figueroa (1880-1912), emigrante en Brasil, filántropo e benfeitor de Redondela e Ernestina Otero (1890-1956), profesora de mestres, e unha das primeiras pedagogas de Galicia.

A estes nomes súmanse tamén o de Paulina Sánchez (1898-1971), mestra e activista cultural; Antonia Míguez Lago (1917-2001), unha das primeiras mulleres sindicalistas de Redondela; Lois Pereiro (1958-1996), poeta de culto; Mulleres solidarias de San Simón (1936-1943), todas aquelas mulleres de Redondela que practicaron a solidaridade cos presos políticos detidos na illa de San Simón e no barco Upo Mendi; Juana Domínguez Núñez (1884-1967), dona da Taberna Nador onde nunca faltou pan para quen tiña fame; Ignacio Ramonet (1943), xornalista e profesor nado en Redondela, director de Le Monde DiplomatiqueA estirpe Cal (s. XX), fotógrafos da vida e alma de Redondela comprometidos co pobo galego; Rita Regojo (1929-2011) fundadora de Aldeas Infantís de Galicia; Felipe Cordero Carrete (1895-1988) nado en Redondela e emigrado en América, foi membro do Seminario de Estudos Galegos; Josefa Puga Docampo (1919-1995), muller represaliada polo franquismo que mantivo a dignidade ante os menosprezos sufridos; e Suso Vaamonde (1950-2000) veciño de Chapela que destacou dentro do movemento de Voces Ceibes.

Misión: atopar o banco dos Cal.

Na estrada PO-252 Mondariz- Moscoso atópase a parroquia de San Salvador de Xunqueiras. Terás que coller o cruce para O Torreiro e a 100 m. atoparás unha praza na que está o inicio do sendeiro.

É un sendeiro circular con diferentes accesos desde as estradas próximas que permiten inicialo en diferentes puntos. Comezando no Torreiro descendes cara ao río por camiños forestais e polas levadas (canles que conducían a agua ata os muíños) rehabilitadas. Cruzas o río para chegar a Freaza e comezar un tramo montañoso onde podes atopar reses bravas pastando en liberdade. A senda regresa á cunca do río que terás que cruzar polos pasos de Freaza para  adentrarte no tramo que lle dá nome ao sendeiro: Fraga do río Barragán.

No tramo final, atoparás os restos do asentamento do Monte da Cidade. Despois subes ata As Lombas para regresar ao Torreiro no Cabo da Raña. En total son 17,3km de lonxitude.

A Ruta dos Montes de San Cibrán atópase nas parroquias da Picoña e San Xurxo do concello de Salceda de Caselas, parroquia de Cans do concello do Porriño e barrio de Couso (parroquia de Guláns) do concello de Ponteareas. Trátase dunha ruta lonxitudinal de 12,83 km, aínda que se pode aproveitar o trazado do Sendeiro das Greas GR-58 para realizar un percorrido circular.

A ruta iníciase no Alto do Confurco e ascende pola beira do regueiro de Couso, onde se atopa a fervenza da Galomeira e se poden visitar varios muíños. Estes foron restaurados no 2008 e en varios deles tamén se recuperou o mecanismo de moenda. Dende aquí a ruta ascende ao pobo de Couso onde discorre entre leiras e casas para, pouco a pouco, chegar ao monte comunal de Couso e subir entre masas de piñeiro cara á área recreativa de San Cibrán.

Unha vez no alto de San Cibrán, onde se pode aproveitar para tomar un descanso, a ruta descende cara á parroquia de Picoña e discorre paralela en moitos tramos ao río Caselas, que presenta en varios puntos unha rica vexetación de ribeira e varios muíños. O sendeiro percorre o fondo do val onde se sitúan a maior parte das casas e se atopan varias construcións interesantes: lavadoiro, antigas escolas, muíños e peto de ánimas.

Dende o fondo do val o sendeiro ascende de novo cara aos montes do comunal de San Xurxo e vaise afastando das leiras e das casas para volver a discorrer entre masas de piñeiros e eucaliptos, nas que se atopan restos de varias cortellas, muíños e pozas. A ruta finaliza na área recreativa das Conforcadas, onde se pode enlazar con Sendeiro das Greas GR-58 para regresar ao alto de Cans e realizar un percorrido circular.

No concello de Soutomaior temos dous exemplos máis de empresas boiantes que tiveron distintos finais: a Empresa Ramón Laforet, antiga fábrica de carburo de calcio, agora reconvertida nun centro multiusos municipal, e Ferrerías Arcade, agora en ruínas ao carón das vías do tren.

Se estás por Arcade, podes achegarte ás dúas dando un pequeno paseo. Se vas no coche, podes deixalo no peirao e ir andando ata ás dúas edificacións.

Se tes tempo podes ampliar esta ruta e aproveitar para achegarte ao monte da Peneda, dende onde terás unhas vistas incribles de toda a ría, ou ao castelo de Soutomaior, onde ademais do castelo poderás gozar dos seus xardíns, as súas variedades de camelias e das súas árbores centenarias.

Misión: Atravesar a ponte levadiza coma unha personaxe do medievo.

https://es.wikiloc.com/rutas-a-pie/rutas-industriais-soutomaior-terras-atlanticas-141080506

Powered by Wikiloc

O punto de partida é na praza do concello de Gondomar. Comeza na casa do Concello e pasa polas casas de estilo indiano como Villa Sudamérica, Casa Ascensión, Casa Peralba ou Villa Brasil para chegar á igrexa de San Bieito. Igrexa de orixe medieval que debe a súa localización á existencia dunhas fontes milagrosas que se atopan a poucos metros.

Dende o camiño da Feira de Doce o roteiro segue pola praza da Paradela por un empedrado ata chegar a unha ponte cun peto de ánimas.

O regreso ao centro de Gondomar faise pola ribeira do río Morgadáns, onde están recuperando antigos edificios patrimoniais do concello, como o matadoiro ou o mercado. A poucos metros, podes ver a estatua homenaxe a Diego Sarmiento de Acuña, primeiro conde de Gondomar e un dos mellores diplomáticos das Cortes de Felipe III e Felipe IV. Á relevante vida política hai que sumarlle a súa vida literaria. Esta paixón polos libros, levoulle a buscar e seleccionar os máis variados exemplares para a súa biblioteca, que chegou a ser unha das máis célebres da súa época.

E xa, debaixo da ponte do río Zamáns, atopas o acueducto, a ponte e o muíño. O acueducto O Bravo atópase situado no curso do río Zamáns ou Vilaza. Data do século XVII, posúe tres arcos de medio punto e dous aliviadeiros adintelados a ambos lados para épocas de crecidas puntuais. A uns cincuenta metros río abaixo atopamos outras ruínas: unha construción realizada con pedra e que conta cun tosco arco rebaixado no que existe un oco onde aínda se conservan os blocos refractarios que poderían formar parte dun posible forno. Nas proximidades existe unha pedra coa seguinte inscripción: A JUAN PSE ANO DE 1696.

Se queres aproveitar a fin de semana, tes a posibilidade de quedar nalgunha das casas de turismo rural que hai na zona ou mesmo no Pazo de Villares ou no Pazo da Escola (antiga edificación do século XVIII chamada Pazo de Mendoza).

Se quedas, ao día seguinte podes facer plans de río ou de monte. O río Miñor chega ao final dende a serra do Galiñeiro ao esteiro da Foz, lugar incorporado á Rede Natura e perfecto para o avistamento de aves. Se optas pola ruta do monte, achégate a Vincios e comeza a subida do Galiñeiro. Que goces coas vistas!

Misión: localizar algunha das grúas de pescozo longo pousadas nun só pé que viven no esteiro da Foz.

Powered by Wikiloc

O Ensanche é o Vigo no que levantaron as súas vivendas os indianos e os conserveiros cataláns, os que fraguaron a cidade moderna no século XIX e comezos do XX. En pleno apoxeo da burguesía viguesa, esta comeza a encargar grandes edificios tanto para as súas residencias como para as sedes das súas empresas e institucións. Famosos arquitectos sacaron o máximo partido do material por excelencia da construción en Galicia, a pedra, e salpicaron a cidade de auténticas obras de arte. Son edificios emblemáticos que aínda se poden admirar paseando tranquilamente polo centro de Vigo. Podes saír do barrio histórico pola Porta do Sol. Xa alí podes contemplar inmobles únicos, como o edificio Simeón, O Moderno ou o edificio Pardo Labarta, todos eles cun claro estilo afrancesado. Saíndo pola rúa Policarpo Sanz os edificios señoriais marcan o percorrido, destacando especialmente o Teatro García Barbón, de Antonio Palacios, o edificio Banco de Galicia, de Pacewizc, Casa Bárcena (antiga sede do Cable Inglés e agora sede de Afundación) ata chegar á esquina dos catro bancos onde se conserva o edificio da antiga sede do Banco Pastor (antigo Banco de Vigo e hoxe Banco Santander).

Seguindo pola avenida García Barbón, a Escola de Artes e Oficios e as Casas de Oia (NH Collection) as dúas de Pacewicz. E nas suás inmediacións moitos máis edificios destacables como a igrexa neogótica de Santiago de Vigo. Ao chegar ao edificio Curbera (primeiro rañaceos da cidade), podes desviarte pola rúa Oporto ata ao edificio Bonín, proxectado por Jenaro de la Fuente para o indiano Manuel Rodríguez e a súa muller Angélica Bonín.

A ruta remata na Alameda, praza Compostela, na contorna de elegantes edificacións de pedra con fachadas impoñentes (destacar a casa Yáñez e a Casa de Correos e Telégrafos) e na avenida de Montero Ríos co emblemático edificio Mülder (Gómez Román) e a súa cúpula revestida de placas cerámicas brillantes. Na beiramar o edificio barco do Real Club Náutico e o Hotel Universal, que xunto coa súa terraza foi hai décadas un icono da cidade ( AC Hotel Palacio Universal).

Se aínda che quedan folgos hai a opción de subir á rúa Urzaiz e contemplar os seus edificios emblemáticos. Salientar o edificio Albo, a Peineta, o Edificio de Camilo e Benigno Fernández e o Grupo de Casas de Benito Sanjurjo (Urzáiz, nº 11 ao 23). Estes últimos foron construídos de dous en dous, sendo as primeiras deseñadas por Pacewicz e o resto por Jenaro de la Fuente y Domínguez. Todas elas promovidas por Benito Sanjurjo.

Misión: atopar o galo no edificio Simeón na Porta do Sol.

https://es.wikiloc.com/rutas-a-pie/ruta-do-ensanche-vigo-140994238

Powered by Wikiloc

Podes empezar a fin de semana paseando polo pobo e coñecendo a praza da Igrexa e os elementos que nela están: a igrexa de San Lourenzo, o concello e O Brigadista, a estatua doada pola escola de cantería da Deputación de Pontevedra, en homenaxe a todos os brigadistas da provincia pola súa defensa dos montes. Continúas ata o peto de ánimas de San Lourenzo. Podes seguir cara ao acceso ao camposanto subindo por unha grande escalinata que intenta emular o ascenso ao ceo. Polo camiño tes para ler os puntos informativos da ruta literaria Manuel Lueiro, xornalista e escritor nado en Fornelos de Montes. Despois deste percorrido, podes ir ao encoro de Eiras, ao Fornelos Wake Club para descansar ao carón da auga ou facer calquera dos deportes acuáticos que che propoñen. Wakeboard, inchables náuticos, pedaletas, canoas, paddle surf, son as actividades principais que realizan nas súas instalacións. Ademais, segundo a época do ano organizan eventos como rastrexos, competicións deportivas de natación, competicións deportivas de CrossFit ou ioga.

Podes quedar durmir mesmo no albergue do Fornelos Wake Club ou nalgunha das casas de turismo rural que existen na zona (A Casa da Loba, Casa de Magina, Casa D’Agosto, Casa da Ruliña).

E para finalizar a fin de semana programa unha ruta polo Monte da Cidade (moi preto do encoro de Eiras) ou pola Serra do Suído buscando o Foxo do Lobo, petroglifos ou chozos. Se vai moita calor podes aproveitar o día para visitar algunha das dúas praias fluviais que ten Fornelos: a de Portovilán ou a da Laxe, co valor engadido da súa ponte medieval, o muíño e o comezo dunha ruta entre árbores.

E as fervenzas? Se é época de chuvias, as fervenzas de Casariños e A Airoa son puntos de interese a ter en conta.

Lembra que a última fin de semana de setembro celebran na parroquia de Ventín a festa da zorza. E se pasas por aquí a finais do mes de xullo, poderás gozar da Festa da Chanfaina e carne do Suído e as actuacións musicais que a acompañan.

Misión: atopar o acueduto que lle dá entrada aos fosos dun castro no Monte da Cidade.

Powered by Wikiloc

Powered by Wikiloc

Pouco queda da industria do século pasado no territorio MAIV. As grandes conserveiras, a panificadora, a metalúrxica, fábricas de carburos, ferrerías, agora están integradas na paisaxe urbana, ás veces recuperadas para goce da xente e, outras, agardando a súa oportunidade para non convertirse en ruínas.

En Vigo podes achegarte ao Museo do Mar que en tempos foi a fábrica de conservas “Alcabre-Molino de Viento”, logo empregouse como matadoiro municipal e agora acolle ao Museo do Mar de Galicia. Camiña cara ao centro ao carón do mar chegando á vila de Bouzas. Na rúa Tomás Alonso 235, atópase a fábrica abandoada da conserveira Alfageme que agora conta cun plan para recuperala como museo. O proxecto de construción realizouno o arquitecto vigués Manuel Gómez Román no 1928, aínda que foi alterado lixeramente debido ás necesidades da empresa. O máis destacable son as súas dúas fachadas de granito (unha cara a Tomás Alonso e outra cara ao mar daquela, agora á rúa Beiramar).

Os Alfageme manteñen a tradición dos industriais do salazón e constrúen un dos mellores exemplos de arquitectura industrial coa súa vivenda familiar preto da entrada principal no recinto da fábrica. Na mesma rúa, no nº68 “A Artística” tamén está á espera dun plan de recuperación ou demolición. A artística ten tamén unha longa historia que se remonta aos anos 30, cando a demanda de envases era moi importante para a conserva, e tamén para a industria farmacéutica, aínda que non sería ata os anos 50 cando comezou a súa expansión con Eugenio Fadrique e os talleres mecánicos Alonarti. Nestas mesmas instalacións fabricaríanse despois envases de tubos de aluminio para pomadas baixo o nome de Alonarti. Xa no centro de Vigo, A Panificadora, á agarda de que algún dos plans aprobados para a súa recuperación se leven a cabo. Camiñando pola avenida García Barbón podes achegarte á fachada da Metalúrgica, (antiga fábrica de lata creada polos grandes conserveiros para poder surtir ás súas empresas) e facer unha idea do que era e o que é.

https://es.wikiloc.com/wikiloc/user.do?id=13413646

Misión: atopar os castros no Museo do Mar.

Powered by Wikiloc
Scroll ao inicio