Na Universidade de Vigo hai grandes edificios que xa só polo seu deseño e a súa localización ben merecen unha visita. O plan podes comezalo no CUVI, descubrir as súas instalacións e gozar da paisaxe e das vistas (se queres máis vistas podes achegarte ao parque forestal de Beade).

Se tes tempo achégate ao dolmen do Mercantil que está na contorna.

E se é domingo podes dar unha volta pola feira, no alto de San Cosme e logo pasar polo miradoiro de Herville. De aí podes baixar cara a Vigo e facer o circuíto dos muíños de Zamáns (terás que desviarte á esquerda na baixada).

Misión

Atopar a ponte que une a biblioteca coa Praza Miralles.

Comeza o paseo na Oliveira de Vigo, no paseo de Alfonso preto do Monumento aos cantores, poetas e trobadores.

Dá unha volta á praza e elixe o teu camiño: cara arriba, o castelo de San Sebastián espérache se aínda non o visitaches, á esquerda as rúas do casco vello alto que te levarán ata a Pinacoteca Fernando Fernández del Riego, a rúa Elduayen dirixíndote á Porta do Sol, detrás o miradoiro sobre a ría e a rúa Poboadores que desemboca no Berbés para mostrarche as casas mariñeiras cos seus soportais e a súa historia.

Dende o Berbés podes subir pola rúa Real e ir subindo paseniño, observando os edificios que pouco a pouco foron recuperándose. Ao chegar ao número 12 podes ler a placa que publicita a imprenta de Juan Compañel, a imprenta onde se imprimiu “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro (aínda que hai escritos que a sitúan no número 21). Casa Bárcena, casa de Ceta, antigo Concello… Non perdas a igrexa de Santa María coñecida como Concatedral de Vigo onde está o Cristo da Victoria e aproveita para cear nun dos moitos restaurantes do casco vello.

Powered by Wikiloc

Misión: atopar algún dos tres reloxos de sol que hai no casco vello.

Punto de partida: A ruta comeza no Museo Salinae (martes a domingo de 11:00 a 14:00). Á saída subes cara ao Museo MARCO pola rúa García Barbón gozando dos edificios que atopes no camiño. Ao saír do Marco, aproveitando que estás na rúa do Príncipe podes pasear, ir de compras, gozar dos edificios ou comer petiscos no Elixio e lembrar a Laxeiro, Lugrís, Cunqueiro ou Domingo Villar e ao inspector Caldas. Entras no casco vello pola Porta do Sol e alí podes buscar ao Sereo, ao galo do edificio Simeón, e despois baixar pola praza da Constitución e A Pedra ata chegar ao mar. Na dársena de remolcadores (á esquerda do CC A Laxe) atoparás o Observatorio Submariño que ofrece contemplar a flora e a fauna que hai na contorna do litoral portuario. Podes aproveitar para achegarte ata o Monumento ó Cable e investigar sobre a historia do VíaVigo e do cable inglés e alemán na cidade. Ao seu carón está a estatua de Vigo Sempre Benéfica e o Reloxo de Sol Ecuatorial. De camiño a Montero Ríos, atópaste coa familia que despide ao emigrante e se sigues atoparás as estatuas do Nadador de Francisco Leiro e a de Xulio Verne co polvo.

Misión: atopar a Manuel Castro e ao seu xornal nas inmediacións do Marco.

Punto de partida: Igrexa de Bouzas (se é no domingo aproveita para visitar a feira). Saes polo paseo cara a Alcabre bordeando o mar ata o Museo do Mar de Galicia. Visita e goza tanto do interior como do exterior do edificio do arquitecto italiano Aldo Rossi rematado por César Portela. Camiña ata o pequeno acuario e o grandioso faro. Á volta do faro para nos castros celtas que forman parte viva do museo, pasea polas praias e as rochas (sempre dependendo das mareas) e volta ao punto de partida. Tras o Pazo dos Escudos hai unha explanada perfecta para descansar (e atopar os niños xigantes das cotorras de Kramer) e continúa o camiño ata a vila de Bouzas. Xa na igrexa, tes dúas opcións: visita da vila mariñeira ou continuar o paseo polo lado dereito contorneando a costa ata chegar ás esculturas en bronce dos habitantes mariños. En calquera caso, non perdas o solpor sobre as Cíes.

Misión: atopar o niño das cotorras Kramer.

Punto de partida: Praia do Vao. Podes gozar da praia e da sombra dos piñeiros ao mesmo tempo que aproveitas o tempo para facer unha escapada á única vila romana de Galicia escavada integramente que pode ser visitada (no verán hai visitas teatralizadas). Se tes tempo podes chegar á praia de Samil e visitar o Verbum, practicar baloncesto, skate ou se vas con nenos aproveitar as piscinas do paseo. Para cear, seguindo pola praia da Fonte hai uns chiringos sobre a praia con incribles vistas as Cíes. Outra idea: se non vai moita calor e es skater, tes preto o novo barrio de Navia e a súa nova Pista de skate.

Powered by Wikiloc

Misión: atopar a vaca Cristobal Colón nos arredores do Verbum.

Punto de partida: Aparcadoiro rotonda do monte do Castro. Hoxe propoñémosche unha visita ao monte da cidade de Vigo. Terás que adaptar a visita segundo a cita que teñas (previamente pedida) para poder acceder aos novos túneles teatralizados coa batalla de 1.719. Se hai tempo, primeiro podes pasear pola Fortaleza do Castro e os seus miradoiros. De ahí podes seguir baixando pola faldra do monte ata o monumento aos Galeóns de Rande (tres áncoras dalgúns dos galeóns afundidos na ría) e logo perderte entre as árbores para descansar ou facer un picnic. De ahí xa estás moi preto dos castros celtas e podes visitar a súa musealización e os restos históricos atopados. E agora dúas opcións: se viaxas con nenos ou nenas podes visitar os parques infantís ou as pistas de bicis e skates que están preto do aparcadoiro ou, opción dúas, baixar ata o concello e visitar as murallas do castelo de San Sebastián no casco vello alto. Logo baixar ata a Pinacoteca Fernández del Riego e visitar as obras dos fondos municipais sobre a pintura galega, e acabar o día ruando e buscando sitio para cear na praza da Constitución ou da Princesa.

Misión: atopar o mural de Magalháes no muro da pinacoteca.

Punto de partida: parque de Castrelos. Propoñémoste un día campestre con moita historia. Primeiro unha visita ao Museo Quiñones de León e aos seus xardíns. Paseo polo parque para escoller a zona de picnic: onde os patos? Onde o baloncesto? Onde o parque infantil? Onde a Calistenia? Ti elixes! Pola tarde podes aproveitar para visitar o Museo Liste e adiviñar para que son eses estraños artiluxios que están alí expostos. Outra opción de tarde: visitar o cemiterio de Pereiró e as tumbas dos seus ilustres moradores. Opción verán: apuntarte a un dos concertos de Castrelos no seu auditorio ao aire libre.

Misión: atopar o pombal nos xardíns do Pazo Quiñones de León.

Punto de partida dende Vía Norte, cruce con Urzáiz. Sae para poder comezar o roteiro, avanzando cara ao centro comercial estación de Vialia. Sigues en dirección continua para seguir avanzando. Cando se realiza o percorrido, pódense ir apreciando as vistas, resaltando a Ría de Vigo, Monte da Guía e a zona da Etea. Máis adiante, podes ver a zona da ponte de Rande ata ao final, que remata onde estaba a antiga estación de tren de Chapela. Para completar o día podes ir a Arealonga e pasear pola beira da ría, dar un baño, xogar ao volei praia, comer petiscos polos numerosos bares que hai enfronte da praia e segundo a tempada ata poderás ver pequenos golfiños. Variante: a ruta pola senda verde pode facerse a pé ou na bicicleta ou en patíns na zona de Vigo.

Misión: atopar a medianeira “Mulleres no deporte”

Powered by Wikiloc

O salón do automóbil e a motocicleta de Vigo celebrarase do 8 ao 12 de marzo de 2023 no recinto feiral de Vigo (IFEVI), reunindo a unha trintena de marcas de coches e motos dos concesionarios oficiais da comarca. O certame, o segundo mais antigo de España no seu ámbito, cumpre un novo fito esta edición, cumprindo 31 anos de historia.

Tal e como vén sendo habitual, tras este certame no que a oferta se centra nas últimas novidades do mercado e vehículos novos, o mesmo recinto acollerá do 8 ao 12 de marzo a vixésimo terceira edición de Motorocasión Vigo, na que os visitantes poderán adquirir vehículos de ocasión que os concesionarios oficiais ofertan con espectaculares condicións.

E se tes tempo podes dar unha volta polos arredores: Cuvi, San Cosme, Zamáns

Misión: Atopar un coche ou moto para mercar

Scroll ao inicio