Traje mi libreta. Vigo

O venres 6 de novembro tivo lugar no bar Galería Jazz, situado na Ronda de Don Bosco, a inauguración con gran éxito da exposición “Traje mi libreta”, a primeira exposición na que a fotógrafa e artista multimedia Irene Vieito amosa ao público parte da súa obra plástica.
A mostra, que poderá visitarse durante os meses de novembro e decembro, divídese en dúas seccións que celebran a creatividade, a experimentación e o debuxo compartido.
Na primeira, Irene presenta unha selección dos seus últimos debuxos realizados nun caderno. Un espazo de reencontro coa súa creatividade no que decidiu deixar a un lado o xuízo e a autocrítica para gozar do proceso creativo con liberdade e sen censuras.
A segunda sección reúne unha experiencia artística colectiva: debuxos realizados entre varios amigos e unha serie de retratos nos que todo o grupo representou dende a súa mirada particular a unha mesma persoa.
Unha invitación a descubrir o debuxo como forma de expresión, xogo e conexión, tanto individual como colectiva.