XIII Festa da Conmemoración da Batalla de Rande. Redondela

Festa que conmemora a batalla acontecida no ano 1702 no estreito de Rande e dentro da enseada de San Simón, que enfrontou os navíos da coalición anglo-holandesa e hispano-francesa, no contexto da Guerra de Sucesión Española, e que culminou coa vitoria inglesa. Ao longo de tres xornadas, os días 11, 18 e 19 de outubro, veciños e visitantes, nenos e maiores, poderán gozar e viaxar no tempo grazas a esta festa que rememora esta famosa contenda naval.
Na xornada do sábado 11, veciños e visitantes de Redondela poderán gozar, desde as 18:30 horas, do desfile que percorrerá o centro da localidade e que culminará na Praza da Torre coa representación final.
Historia
A batalla de Rande, ou batalla de Vigo, foi unha importante contenda militar acontecida no estreito de Rande, dentro da enseada de San Simón (actual localización da ponte de Rande), no interior da ría de Vigo. Libráronse os combates o 23 de outubro de 1702 e enfrontáronse os navíos da coalición anglo-holandesa e hispano-francesa, no contexto da Guerra de Sucesión Española, culminando coa vitoria inglesa.
Os barcos españois, cargados co maior envío coñecido daquela de tesouros procedentes do Novo Mundo, estaban ao mando do almirante e xeneral Manuel de Velasco e Tejada e protexidos polos navíos franceses ás ordes de François Louis de Rousselet. Entraron en Vigo o 22 de setembro de 1702 e refuxiáronse no fondo da ría (enseada de San Simón), pasado o estreito de Rande, protexidos polo castelo de Corbeiro ao norte e o de Rande ao sur, en lugar de dirixirse a Sevilla, porto que monopolizaba o comercio con América.
O cargamento (de ouro, prata e outras riquezas a bordo de 3 galeóns de combate e 14 comerciais) non foi descargado en Sevilla. Durante esa espera, os anglo-holandeses, baixo o mando do almirante George Rooke, descubriron o agocho do cargamento e decidiron atacar os navíos españois, mal posicionados para unha defensa adecuada. En menos de dez horas, a batalla decantouse a favor dos atacantes. A superioridade anglo-holandesa e a defensa francesa, cos seus barcos en chamas, cederon e deixaron vía libre para o asalto aos galeóns españois.
O xeneral e almirante De Velasco ordenou, a berros, que se afundisen os barcos, que segundo algunhas versións aínda conservaban parte das súas riquezas a bordo. Existe, porén, outra versión que indica que o Consello de Indias xa ordenara a descarga das riquezas, dando instrucións precisas sobre o procedemento e as comprobacións que debían realizarse. O Consello encargara a Don Juan de Larrea esta tarefa e, segundo consta, o 27 de setembro xa se estaba levando a cabo a descarga. Por iso, estímase que cando se produciu o ataque xa non quedaba moito cargamento de gran valor, salvo artigos de menor importancia.
Tras gañar a batalla, os atacantes saquearon Redondela e a illa de San Simón. A cidade de Vigo quedou a salvo grazas ás súas murallas e defensas. O 30 de outubro, o almirante Rooke ordenou a partida da súa armada, que abandonou a ría de Vigo, aínda que deixou unha guarnición de 27 buques de guerra xunto aos barcos apresados, ao mando do almirante Shovel.
Durante a retirada, os anglo-holandeses levaron varios barcos capturados, entre eles un galeón español que supostamente estaría cargado de tesouros. Á saída da ría, o galeón embarrancou ao pasar polas illas Cíes e afundiuse, sen que fose localizado ata o día de hoxe.
Existe certa polémica sobre os galeóns que aínda permanecen afundidos en Rande e sobre se conservan os seus tesouros. Julio Verne situou neste escenario a fonte de aprovisionamento de ouro do Nautilus na súa novela 20.000 leguas de viaxe submarina. Porén, esta teoría é considerada un mito; moitos expertos citan a documentación da época, que recolle a saída cara a Madrid dos tesouros que se terían conseguido desembarcar antes da contenda.