Romaría do pan de millo de Cabral. Vigo

A popular Romaría do Pan de Millo, que se celebrará no parque forestal de Cotogrande (Becerreira), situado na parroquia viguesa de Cabral, terá lugar o domingo 30 de agosto.
Durante a romaría, as persoas asistentes poderán adquirir este delicioso pan e degustalo acompañado de polbo á feira, churrasco, sardiñas asadas e empanada.
A nota musical da festa correrá a cargo, en horario de mañá, do Grupo Folclórico Airiños, da A.C. O Coto de Cabral, e da Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia.
A tarde estará amenizada pola Charanga Os Imperiais, das Neves; a Banda de Gaitas Cotogrande, do C.C.R. Cabral; e polo grupo de canto Os Silandeiros, do C.R.C. Torroso, que ofrecerá unha actuación estelar.
As persoas asistentes tamén poderán visitar nesta xornada unha nova edición da Mostra dos Produtos do Campo. Entre as persoas participantes sortearanse diversos agasallos.
Historia
Esta romaría naceu no ano 1986, froito da iniciativa e inquedanza dun grupo de veciños por poñer en valor este produto tan característico da nosa terra galega. Xunto con outros produtos do campo, o pan de millo exponse para o gozo e deleite dos milleiros de persoas que acoden cada ano á celebración, cuxa afluencia non deixa de aumentar co paso do tempo.