Terras Atlánticas reúne aos doce concellos que forman a Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo (MAIV). Estes concellos comparten un territorio ao sur da provincia de Pontevedra e teñen como elemento aglutinador a forza dinámica, económica, social e cultural da cidade de Vigo. Posúe unha superficie duns 650 quilómetros cadrados nos que viven preto de 450.000 habitantes, a metade deles no casco urbano de Vigo e o resto espallados polas parroquias do perímetro rural da cidade e nos núcleos de poboación dos outros once concellos.
Dentro do contexto das Rías Baixas, a MAIV está integrada por concellos que forman parte do Val Miñor, o Baixo Miño, a Terra de Montes e a comarca de Vigo. O clima benigno é o denominador común, con veráns suaves e invernos moderadamente fríos, que acadan temperaturas lixeiramente máis estremas nas áreas montañosas. A influencia da Ría de Vigo e a protección que proporcionan as coroas montañosas fronte aos ventos dominantes, favorecen a existencia dun microclima máis próximo ao modelo mediterráneo que ao atlántico.
A Mancomunidade de Vigo é a área xeográfica con máis peso específico de toda a comunidade autónoma no ámbito demográfico e no económico. Representa o dous por cento da superficie de Galicia pero aglutina ao 15 por cento da súa poboación, e da súa industria sae máis do 70 por cento das exportacións galegas.
Esta potencia en termos económicos e demográficos vese reforzada pola heteroxeneidade do seu territorio, o que fai dela un centro turístico singular e de gran atractivo, xa que o viaxeiro poderá atoparse coas vantaxes e servizos dunha gran cidade, a de Vigo, e ao mesmo tempo coa riqueza dunha gran diversidade natural chea de contrastes: a montaña no seu estado máis puro, con bosques e ríos, praias fluviais e fervenzas; sendeiros para facer a pé, a cabalo ou en bicicleta; espazos do litoral que son reserva de fauna e flora; quilométricas praias e pequenas calas de augas tranquilas. Montes, paisaxe de interior e na costa a quintaesencia das Rías Baixas. Todo nun mesmo destino, as Terras Atlánticas.
Malia que a Mancomunidade de Vigo é unha institución cunha vida aínda curta, as ligazóns históricas entre os seus concellos veñen de moi antigo. Os romanos trazaron unha vía pola costa, a vixésima do Itinerarium de Antonino, tamén coñecida como “Per Loca Maritima”, que entraba nesta zona por Baiona e a abandonaba por Arcade, en Soutomaior, seguindo a costa da Ría de Vigo. Á primeira calzada romana seguiría, na Idade Media, o Camiño de Santiago, que dende Portugal tería como destino Compostela, entrando neste territorio por O Porriño, o trazado máis tradicional, e seguindo logo ate Soutomaior por Mos e Redondela, ou por Baiona, seguindo os mesmos pasos da vía romana pola costa.
Tal vez o episodio histórico que máis aglutinou aos veciños destas terras foi a loita pola independencia trala invasión napoleónica. Campesiños, mariñeiros e homes de toda condición do Val Miñor, do Fragoso, das Terras de Montes, do Condado e da Louriña loitaron contra o invasor en Mos, en Porriño e en Vigo para logo facelo tamén en Pontesampaio, a orillas do Verdugo.
O pulo de Vigo comezou a ser notorio a partires do último terzo do XIX. As comunicacións marítimas e as ferroviarias favoreceron un proceso de industrialización que permitiu que o fluxo demográfico, malia ser tempos de emigración masiva de galegos a América e Europa, mantivera unha liña crecente ate finais do século XX. Pero ese crecemento urbano de Vigo non fagocitou aos concellos veciños senón que propiciou o seu desenvolvemento e o dos seus recursos. Grazas ao porto de Vigo, O Porriño medrou e internacionalizou o seu máis importante produto, o granito. Redondela implantou o seu propio tecido industrial a partir dos sectores téxtil e conserveiro. No Baixo Miño a actividade agrícola e nomeadamente a vinícola, comezaron a acadar proxección a outros mercados.
Hoxe, cunhas comunicacións viarias, cómodas e rápidas, as Terras Atlánticas configúrase como un destino único tanto pola variedade da oferta turística como pola pluralidade dos seus recursos naturais e paisaxísticos, artísticos e culturais, gastronómicos, deportivos, e pola elevada calidade dos seus servizos.
Como chegar
En coche, en autobús, en tren, en avión, en barco, calquera modo de transporte pode ser axeitado para achegarse ate as Terras Atlánticas.
En coche:
Dende o leste de Galicia, a Meseta e o resto de España, a A52 é a principal vía de acceso para chegar ao Porriño, Mos e Vigo. Dende Porriño conecta con Redondela pola N550 e, dende esta vila, con Fornelos e Pazos de Borbén, ou seguindo a mesma 550 ate Soutomaior. Tamén dende O Porriño é posible dirixirse aos concellos do Val Miñor: ben pola estrada PO331 a Gondomar primeiro e logo a Nigrán e a Baiona, ou ben tomando dende a mesma autovía o enlace coa autopista a Gondomar, Nigrán e Baiona.
Dende Portugal, pola A55 ate O Porriño. A partires desta localidade, séguese o mesmo itinerario que o procedente da A52. Para destinos no Val Miñor, hai tres posibles rutas alternativas:
1. En Vila Nova da Cerveira, para os que se achegan da costa norte de Portugal: cruzar a ponte a Goián e pola C550, ir a Baiona pasando por A Guarda. dende Tui pola PO340 a Gondomar e dende esta vila a Nigrán e Baiona.
2. En Tui, para os que proceden da autopista portuguesa: tomar a C550 á Guarda e dende esta vila a Baiona.
3. En Tui, para os que queiran ir a Gondomar e Nigrán, pola PO340.
Dende o norte de Galicia, a través da N550 (Ferrol-Tui) ou a autopista de peaxe AP9 ate Vigo. En Vilaboa, ten saída para Soutomaior e Redondela. Tamén ten conexión coa A55 para entrar en Mos e Porriño e coa AP… para ir ao Val Miñor.
En autobús:
A estación de autobuses de Vigo ten conexión coas principais cidades de España e con todas as de Galicia. Dende esta estación saen liñas de autobús a todos os concellos da área de Vigo.
En tren:
Cinco dos doce concellos que conforman as Terras Atlánticas, teñen estación de ferrocarril, pero soamente en dous teñen parada os trens de longo percorrido: Redondela e Vigo, que é a estación término. A ambas as dúas chegan diariamente trens procedentes de Ávila, Barcelona, Bilbao, Burgos, León, Logroño, Lleida, Madrid, Ourense, Porto, Palencia, Pamplona, San Sebastián, Segovia, Tarragona, Zamora, e Zaragoza, e os sábados, dende Alacante. Polo corredor atlántico hai trece trens diarios entre A Coruña, Santiago e Vigo. Os trens rexionais que seguen ou veñen pola liña de Ourense paran en Os Valos (Mos), O Porriño e Salvaterra de Miño. En Redondela, tanto para os que veñen en tren de longo percorrido como os que o fan en rexionais pola liña de Ourense, é posible tomar un tren rexional ate Arcade (Soutomaior).
Para información sobre horarios, itinerarios e prezos, visitar http://www.renfe.es/.
En avión:
O aeroporto de Peinador é o destino aéreo máis indicado para viaxar dende calquera parte do mundo ás Terras Atlánticas, ben nalgún dos vos directos que chegan a diario dende numerosas capitais de España, ben mediante transbordo dende os aeroportos de Madrid, Barcelona e París, cos que tamén está unido a través de varios vos diarios.
En barco:
O porto de Vigo foi, no pasado, escala de numerosas liñas trasatlánticas e de cabotaxe de viaxeiros. Na actualidade non existe ningunha liña regular. Non obstante son moitos os visitantes que chegan no seu propio barco, fundamentalmente en veleiro. Na Ría de Vigo dispoñen de puntos de atraque ou fondeo no Real Club de Iates de Baiona, Club Náutico de Panxón, en Nigrán; Club Marítimo de Canido, Liceo Marítimo de Bouzas, Real Club Náutico de Vigo e Porto Marítimo de A Lagoa, en Vigo; portos deportivos de Arealonga e Cesantes, en Redondela e no porto deportivo de Arcade, en Soutomaior.








